«O rali de regularidade supón unha enorme concentración»

O piloto lalinense Juan Recimil participará o vindeiro día 17 na cita do rali de Reis en Ourense, cun Fiat Ritmo do ano 1983

-¿Estamos ante a súa primeira participación neste rali?

Non. Aínda moi recentemente, no pasado mes de decembro, estivemos a tomar parte noutro rali de regularidade que se fixo na Cidade das Burgas.

-E o seu interese por esta modalidade, ¿é recente?

Pois bastante. Comezamos o ano pasado polo que somos uns principiantes, pero os resultados que fomos acadando son axeitados para levarnos tan pouco tempo. O ano pasado participamos en cinco ralis de regularidade. Estivemos en Nigrán onde quedamos de segundos; nunha proba que tivo 70 participantes, no Rali Primavera de Vigo quedamos de novenos na clasificación e no da casa, aquí en Lalín, rematamos na quinta posición. Nisto xoga un papel moi importante o copiloto e eu conto cun moi bo: Alejandro Barrio, que ten un sentido excepcional no que respecta á regularidade.

-¿Con que coche teñen previsto ir á proba?

É unha proba para coches clásicos, de máis de 25 anos de antigüidade, e iremos cun Fiat Ritmo Abarth 130 TC que é do ano 1983; un gran coche.

-Para os profanos na materia, ¿que é a regularidade?

O rali de regularidade supón unha enorme concentración. Unha vez feitas todas as verificacións do coche, na saída dánche un rutómetro segredo e hai que facer os tramos ao minuto e non perderse. No percorrido atoparás moitos controis, todos segredos tamén, e resultará gañador do rali aquel que menos puntos realice ao longo do percorrido. Requírese compenetración, é unha proba intensa pero moi emocionante.

Fuente: La Voz De Galicia