NIGRÁN DECIDE: O goberno incumpre a lei de transparencia

NIGRÁN DECIDE: Non existe o Portal de transparencia no Concello de Nigrán,

O goberno de Nigrán leva un ano incumprindo a lei de Transparencia, ao non existir o Portal de transparencia ao que obriga a lei de transparencia a todas as administracións públicas, a pesar dos esforzos e a colaboración do grupo municipal de NIGRÁN DECIDE para implantalo.

Xa no ano 2015 o noso grupo facilitou ao Goberno Municipal toda a información para que, dunha forma gratuíta, o Concello de Nigrán se adherise ao Portal de transparencia que para as entidades locais está a desenvolver o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas en colaboración coa FEMP.

Se ben é verdade que na páxina web do Concello hai numerosa información publicada, nin está estruturada como se define na lei de transparencia, nin chega á metade da que tiña que estar publicada, segundo o acordo aprobado por unanimidade proposto polo noso grupo municipal, onde se detallaba a información e cando vai ser publicitada no Portal de Transparencia do Concello.

A transparencia é o mellor método para loitar contra a corrupción, indica José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE, para continuar sinalando que o actual goberno municipal de Nigrán, ademais de levar un ano incumprindo a lei de transparencia, non avanzou nada na materia con relación ao anterior goberno municipal do PP. Parece que o nivel de transparencia que practicaba o Partido Popular en Nigrán válelle ao actual goberno do PSOE, finaliza José Cuevas.