Nace en Baiona a OT galega

O Val Miñor ten talento para a música e a proba é que cada vez son máis os artistas ou grupos que se lanzan ao escenario. O Concello de Baiona dalles a oportunidade de amosalo en festivais como o Sons do Casco, pero agora quere implicalos na promoción da cultura galega cun concurso para elexir a mellor canción en galego do ano.

n

As letras galegas non só están nos libros e Baiona vainas celebrar este ano con música. O Concello organiza o I Certame "Os Bardos" para elexir a mellor canción en galego do ano e premiar o seu autor con 600 euros e cun oco na programación cultural Baiverán. O concurso outorgaralle 400 euros ao segundo finalista e 250 ao terceiro e os interesados en participar teñen ata o vindeiro día 30 de xaneiro para presentar os seus traballos, segundo as bases que se poden consultar na web municipal www.baiona.org.

Nada tivo que ver que dous temas no idioma do país pasasen xa polas galas das últimas edicións do popular concurso "Operación Triunfo" á hora de por en marcha esta iniciativa. Pero si o éxito dos talent shows e o feito de que a música de aquí sexa cada vez máis visible. Así o explica a concelleira de Cultura, María Iglesias. "As inquedanzas musicais da vila e da contorna son cada vez máis fortes, temos moitos artistas e grupos facendo moi boa música. Podemos comprobalo no festival Sons do Casco, no que participan formacións da zona con grande éxito de público. Todos eles compoñen en diversos idiomas e nós queremos incentivar que o fagan tamén en galego porque un concurso destas características pode ser un xeito moi efectivo de normalizar o galego", argumenta.

A edil puxo en marcha o concurso a proposta do cantautor local Urbano Cabrera, que formará parte do xurado xunto co director da Escola Municipal de Música, Gabriel Rodríguez, e a profesora de música Lucía Alar. Os tres elexirán a mellor canción galega 2019 entre os dez finalistas preseleccionados entre todos os aspirantes, que participarán nunha gala no auditorio V Centenario. Aínda non hai data para a final pero Iglesias agarda que "poda facerse preto do Día das Letras".

Non hai estilos predeterminados nin límites á creatividade. Calquera artista que desexe compoñer e cantar en galego está convidado a participar. "Queremos facer visible a riqueza que a música galega posúe dun xeito aberto, universal e inclusivo e amosar o noso compromiso coa promoción da lingua e da cultura galegas", engade a concelleira.

O certame está xerando unha gran expectación no mundo da música. Os requisitos para participar publicáronse o día 9 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia e, desde entón, "son moitas as chamadas que recibimos cada día no Concello para preguntar", resalta Iglesias. Por iso agarda que "sexa un éxito e se constitúa como unha cita anual na programación cultural de Baiona".

n Fuente: Faro De Vigo