Baiona renuncia á zona azul e propón dúas horas gratis de parking no Aral

Sete meses despois de aprobar a Corporación en pleno a ordenanza reguladora da zona azul gratuita para limitar a unha hora o aparcamento nalgunhas rúas do centro urbano de Baiona, o goberno municipal do PP renuncia a aplicar esta medida polo de agora. A cambio, os populares impulsan un novo regulamento tarifario do parking subterráneo do Aral, que prevé regalarlles as dúas primeiras horas de estadía aos usuarios que pagan o imposto de circulación no municipio. Anunciárono onte, a tan só dez días das eleccións municipais, o alcalde, Ángel Rodal, e os concelleiros José Ángel Bahamonde, Policarpo Vilar e María Jesús Martins.

A nova ordenanza do parking do Aral exporase durante 15 días no Concello para que veciños e entidades fagan as súas achegas. Será en todo caso o goberno que saia das urnas o que decida se lle dá luz verde ou non ao conxunto de descontos que pretende contribuir "a la ordenación del tráfico", destacaron Rodal e Bahamonde, e tamén a aforrarlle tempo aos condutores na busca de praza para deixar o coche cando se achegan a Baiona.

O Concello cumpre este mes catro anos ao frente da xestión do aparcamento, tras a renuncia da compañía que o construiu e que o explotou inicialmente, Sofranda Gestão de Parques S.A., por perdas económicas. As ganancias acadadas ao longo deste período de titularidade municipal, que chegaron aos 90.000 euros o ano pasado, permiten revisar os prezos do aparcamento, "para que los beneficios sean para los vecinos", suliñaron o rexedor e os edís.

Ante os datos positivos que rexistra o servizo, o goberno local encargou un estudo económico que valorase a viabilidade de aplicar estes novos descontos. O informe chegou nos últimos días ao Concello, explicaron os dirixentes municipais, tralo pago a Abanca do primeiro prazo de dous millóns do rescate do parking, que suma un total de 4 millóns e que se amortizará no ano 2021. Esa é a razón, sinalou o alcalde, pola que o anuncio das bonificacións coincide coa campaña electoral. "No pudimos hacerlo antes porque no habíamos empezado los pagos", que supoñen a adquisición formal do aparcamento por parte do Concello.

Hai dous anos que a primeira hora de estadía no parking municipal é gratuita de luns a venres do 11 de setembro ao 14 de xuño. Este desconto manterase para os usuarios en xeral, pero de saír adiante a proposta, os titulares de vehículos rexistrados en Baiona, 9.314 en total, disporán de dúas horas gratis 365 días ao ano e 24 horas ao día. Para disfrutar da medida, deberán solicitar unhas tarxetas específicas no Concello.

Os descontos aplicaranse tamén nas tarifas horarias de rotación, que se rebaixarán un 10,40%, e nos abonos, que se incrementaron nun 30% nos últimos catro anos, pasando de 142 a 218. Os alugueiros de prazas de 24 horas todo o ano custan agora 52 euros ao mes e pasarán a 44,16, un 30% menos. Os diúrnos -de 7.00 a 22.00- pagan agora 39 euros e baixaráselles a cota a 30,91, un 20,74%. A maior rebaixa será para os condutores de motos, que aboan 35 euros mensuais e ingresarán 14,57, un 58,37% menos, se se aproba a ordenanza.

A medida estrela deste regulamento é para os veciños do casco histórico, que disporán dunha rebaixa do 20% en todos os abonos. De maneira que pagarán 35,33 por dispor dunha das 711 prazas do Aral 24 horas todo o ano e 24,73 se só a solicitan de 7.00 a 22.00. Os motoristas da zona monumental aboarán 11,66 euros mensuais.

Tamén baixan os prezos para os traballadores da tempada estival, que poden alugar prazas ata o de agora do 1 de xuño ao 30 de setembro por 69 euros cada mes día e noite e 52 polo abono diúrno. Aforrarán 9 euros no primeiro suposto e 2 no segundo.

Os alugueiros para turistas tamén baixan. De xuño a setembro, as prazas custan 144 euros por mes, 96 por 15 días e 50 por unha semana. Agora custarían 118,54 por mes, 81,29 por dúas semanas e 39,52 por unha. Ofrecerase tamén a posibilidade de alugar meses soltos en calquera época do ano e a tarifa será de 67,74 euros.

A caída de prezos chegará tamén á compra de prazas, pero o goberno descoñece aínda cando. Son 29 os titulares de espazos que adquiriron ata o de agora o dereito a ocupalos ao longo de 50 anos e no sue día pagaron entre 16.000 e 24.000 euros. "Ahora bajarán bastante", asegurou o alcalde, sen aclarar canto e tras indicar que se está a estudar se as vendas de prazas se poden efectuar antes de que o Concello salde a débeda con Abanca.

n Fuente: Faro De Vigo