Nigrán inviste 100.000 euros na humanización da Carrasca

O Concello de Nigrán humanizará a praza da Carrasca, na parroquia de Parada, este verán cun investimento de 100.000 euros con cargo a unha subvención da Deputación do ano pasado. O proxecto, en trámites de contratación, pretende reordenar o tráfico da zona e dotar o espazo público de pavimento de pedra, máis acorde esteticamente coa contorna. Na actualidade, aínda que se considera zona verde por ser unha das poucas carballeiras urbanas do municipio, está asfaltado.

A redacción do proxecto xa fora encargada polo goberno municipal hai dous anos, pero demoráronse os informes sectoriais para iniciar a obra, segundo sinala o alcalde, Juan González. Os traballos consistirán na retirada do pavimento para colocar o de pedra, despois de que xa se acondicionase previamente o xogo de bolos e se rehabilitara o parque.

A obra súmase a outra de similares características na Rúa do Ceán, que será humanizada coa construción de beiravías e coa creación de prazas de aparcamento.

n Fuente: Faro De Vigo