Radio Ladeira ponse nas ondas

"Aquí comeza "Ladeira na onda", o primeiro programa de Radio Ladeira, a radio máis brincadeira!". As entusiastas palabras das xóvenes locutoras Inés Quintas Alborés e Irene Vilar Rodríguez, co seu compañeiro Xoel Valverde Cabral ao mando do equipo técnico, inauguraron o venres, tan só 24 horas despois do Día Mundial da Radio, a primeira emisora escolar do Colexio de Educación Primaria de Sabarís. Un proxecto que nace "con moita ilusión e gañas de aprender", segundo explican os mestres que a dirixen, Chus Álvarez e Chema Collazo, e que pretende ofrecer un espazo para a comunicación como complemento "moi necesario" na educación dos rapaces".

O alcalde, de Baiona, Carlos Gómez Prado, e o concelleiro de Educación, Óscar Carreño, foron os primeiros convidados desta revista semanal, que se plantexa como un programa diverso, con cabida para as entrevistas, as noticias e reportaxes e as manifestacións culturais dos máis de 150 alumnos que acuden cada día ao centro público de Sabarís. "Todos pasarán nalgún momento pola emisora, que irá ampliando contidos e programas nos vindeiros meses", subliñan os profesores. E todos poden escoitar as emisións en directo no propio recinto, mentres que as súas familias poden facelo a través da web oficial da escola.

A iniciativa pretende aproveitar motivación que lles ofrecen as novas tecnoloxías para contribuir á formación dos rapaces, non só no ámbito académico senón tamén na vida mesma. "A radio permítelles mellorar a expresión oral, a elaboración do discurso, a transmisión das ideas de xeito ordeado, e a capacidade de síntese", destacan os docentes.

Radio Ladeira irrumpe no panorama radiofónico escolar galego da man do programa "Ponte nas ondas!" que cumpriu xa un cuarto de século unindo un milleiro de centros educativos de Galicia e Portugal a través da radio.

n Fuente: Faro De Vigo