#BAIONA O Concello de Baiona pon en marcha unha liña de axudas municipais para apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade cos gastos escolares

O Concello de Baiona puxo en marcha un programa de atención urxente e prioritaria dirixido a paliar as situacións de emerxencia social de persoas e familias en situación de vulnerabilidade ante a Covid-19. A liña de axudas centrarase en cubrir as necesidades escolares das familias do municipio.n

O proxecto permitirá axudar ás familias que teñen dificultades para afrontar os gastos de adquisición do libros de texto e material escolar, así como os gastos de transporte, asegurando que en Baiona todos os nenos e nenas poidan desenvolver o curso de forma adecuada, sexa cal for a súa situación económica.
“O obxectivo destas axudas é rebaixar a carga económica das familias derivada dos gastos escolares. Con todo iso, queremos continuar colaborando coas familias, canto máis en orde ao seu enfraquecemento económico tras a crise do coronavirus, e traballar sempre para reforzar unha educación pública de calidade. Desde o Concello, como administración máis próxima, debemos poñer o noso gran de area para que a situación que están a vivir sexa o menos gravosa posible e poidan saír adiante”, conclúe o Alcalde.
Desde o departamento de Servizos Sociais municipal redactáronse as bases que se outorgarán seguindo criterios sociais. As persoas interesadas poderán consultalas na web municipal (www.baiona.org). O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a contar desde mañá 17 de outubro. As solicitudes deberán presentarse no rexistro do Concello de Baiona para o que é necesario solicitar cita previa na web municipal ou chamando ao 986356779. Do mesmo xeito, tamén se pode facer a tramitación electrónica da solicitude a través da sede electrónica da páxina web do Concello de Baiona.
GABINETE DE PRENSA CONCELLO DE BAIONA
REALIZADO POR: MARTA GONZÁLEZ PÉREZ, TÉCNICA DE COMUNICACIÓN gabinetedeprensa@baiona.gal

nFuente: Concello de Baiona